12 octubre 2008

Ética do artesán

ESTRELA MORTA

Sei que non foi amor e, sen embargo, abriches
Amarga flor carnívora de noites os meus labios,
Deixándome beberte na túa sede escura,
Facéndome afogar no teu mar dos enganos.


O prestixio da estrela máis fermosa e maldita
Acendías no ceo ruín das madrugadas,
Nos calendarios grises nos que se abeira o inverno,
E era doce buscarte polas rúas estrañas.


Sei que non foi amor o que ti me ofrecías,
Pero amaba o perigo das estrelas na noite,
Que brillan nun instante e caen case sempre
No baleiro, na nada, nas distancias, nos lonxes.


Eu xoguei o que tiña para poder amarte,
A bandeira romántica; na brétema os meus pasos,
Sabendo que perdía meu corazón por terte,
E alleo vagaría, sen goberno nos anos.


Pisei a clandestina xeada desas horas
Nas que morre o desexo. Pero entón xa levaba
A mancha dos teus bicos impregnando os meus beizos,
E cría que eran certas as palabras douradas.


Franqueárasme a porta do teu longo desvelo,
Desa paixón sen nomes, precipitada, cega,
Abismos do teu corpo sobre min derrubaras,
E unha torre danada nas miñas horas lentas.


Caeron as camelias, no chan, apodrecidas,
Marcharon, invisibles, murchas flores no aire:
Veu un vento de marzo para queimarnos xoves
Coas causas inocentes, cos ollos lostregantes.


Pasou a vida longa, como pasan os ríos.
As princesas do mal extinguíronse todas:
A cidade borrounas do libro da lembranza,
O teu nome está escrito naquelas follas mortas.


Pero canto daría outra vez por mentirme,
Cantos dos meus infernos baixaría a buscarte,
Cantas albas desperto -ameazada lúa-
E que extensión de sombras e de luceiros fráxiles


Pasaría por verte, outra vez, e mirarte.
Coller estrelas mortas na nosa man non doe,
Se aquelas non feriran coa súa luz tantas noites.

……………..……………..(de Luz do mediodía, 1995)
RAMIRO FONTE (1957-2008)

7 comentarios:

Fernando dijo...

besiños......

Sangre dijo...

;-)...

Anónimo dijo...

unha estrela morta é o AMOR vivido...con tanto amor e tanta paixón,vivimos dos recordos,daqueles instantes felices onde amabamos e nos amaban...pero ese amor xa nunca volverá mais que bonito e reconfortante é recordalo.bicos,bicos,bicos

ZenyZero dijo...

Sólo puedo intuir un significado certero, pero ¿no se intuye también la luz de las estrellas?

Un abrazo y bicos.
Chuff!!!

Suso Lista dijo...

Comeches moito "polbo" no S. Froilán? Bicazos sempre

Sintagma in Blue dijo...

Ramiro marchou pero os seus versos quedarán entre nós para sempre.

Bicos in Blue

ana p. dijo...

Esta poesía resuena en las entrañas, mi vientre aún palpita con antiguos ritmos... Nunca se olvida la primera canción? Canto nuevas melodías, pero resuenan siempre tambores del estruendo causado por las estrellas que se apagan. Biquísimos

En archivo